👨🏽‍💻 ivanleis.eu

Dez anos facendo escola coa radio

Dez anos facendo escola coa radio

Milleiros de escolares de Galicia, Portugal e Sudamérica estiveron onte conectados a traverso da radiofonía co galo da X edición do programa “Ponte... nas Ondas”, un proxecto nado en 1995 nas escolas de Salvaterra e Monçao (Portugal) e que logo de estenderse por centros asociados á UNESCO, recibiu un importante recoñecemento internacional polo traballo que fai a prol do patrimonio oral galego-portugués.

Para celebrar este seu décimo cabodano e dar a coñecer todo o proxecto, a organización de “Ponte...nas Ondas” preparou unha exposición que pode visitarse ata o 17 de maio na Casa Das Palabras (Verbum) de Vigo. Na mostra recóllese en paneis e outros soportes –vídeo e audio– a evolución desta experiencia que recentemente o European Bureau of Lessed Used Languages (EBLUL), un organismo asesor da UE, definiu unanimemente como “modelo de boas prácticas entre linguas fronteirizas”.

A orixe

En 1995 inaugurábase a segunda ponte sobre o Miño entre Galicia e Portugal. Unía os concellos de Salvaterra e Monçao. Varias escolas da zona tiñan feito obradoiros de radio que se limitaban a emisións no propio recinto escolar, e veuse a oportunidade de celebrar a estrea da ponte transfroiteiriza cunha emisión conxunta que traspasase a “raia” dando voz a escolares de Galicia e Portugal.

Daí o nome do proxecto: “Ponte...nas ondas”. A dinámica da xornada de radio, daquela 12 horas de emisión continua, era propor unha pregunta (“¿Que farías ti por mellorar as relacións entre os nosos pobos?”) e deixar que os oíntes a respostasen por teléfono. Houbo unha avalancha de chamadas ese día.

O éxito desa primeira edición animou ós impulsores a repetila. Tamén os estudantes quedaran impresionados coa experiencia radiofónica; eles mesmos pedían unha segunda xornada de “Ponte... nas ondas”. Asi en 1996 volta facerse o acto, achegando novas escolas con cadanseu obradoiro de radio: Melgaço, As Neves, Ponteareas...

O seguinte paso foi definir con antelación o tema proposto para a xornada de radio, cunha reunión entre os mestres implicados. Decidiuse afondar nos temas locais e potenciar o coñecemento mutuo entre os alumnos de ámbalas dúas beiras da fronteira. Por exemplo Salvaterra traballa sobre Monçao e o revés, os escolares portugueses van preparando traballos sobre o municipio galego. A pregunta do día “no aire” era logo: “Que aprendeches desta localidade?”

A medida que se van incorporando novas escolas ó proxecto, amplíase o entorno de coñecemento: Arbo, Valença, Tui... Amais, en 1998 decídese poñer en marcha unha páxina web: www.pontenasondas.org.

Ponte... nas Ondas! | Promovendo o patrimonio galego-portugués no mundo!

Un punto de inflexión

A partir da séptima edición, no 2001, entraron un número importante de escolas asociadas á rede da UNESCO en Ponteareas, Santarém, Pontevedra... Os profesores propuxeron tratar temas máis amplos, que xerasen debate nos alumnos. Un proxecto da UNESCO encol da “Rota do escravo” deu pé a “Ponte...
nas Ondas” a tomar dimensión internacional.

A partir da súa experiencia local, súmase á iniciativa alumnado de África e América. Este ano 2003, outras 150 radios educativas de Sudamérica achegáronse á idea. A crecente relevancia desta iniciativa levou a incorporar a xente da cultura. Cantantes como Caetano Veloso, Manu Chao, Uxía ou Joao Afonso realizan gravacións especiais para o día da emisión. Mesmo o premio Nobel de literatura José Saramago, ou o eurodeputado Camilo Nogueira son entrevistados nalgunha das edicións. Este aspecto fai que a experiencia transcenda do ámbito escolar e emerxa como unha plataforma de integración entre os ámbitos cultural e o educativo.

Tamén entran en “Ponte... nas Ondas” medios de comunicación como xornalistas de Barcelona,Madrid ou Lisboa. Nas edicións IV e V, a xornalista Julia Otero deulle paso á xornada interescolar desde o programa “La radio de Julia”, que entón era líder de audiencia. Iñaki Gabilondo fixo o propio dende “Hoy por Hoy” e Diamantino José desde Lisboa para “Tardes da Telefonía”. Na VII e na IX edición foi Gemma Nierga quen conectou desde o seu espacio: “La ventana”.

Patrimonio inmaterial

“Ponte... nas Ondas” non e só o día da radio, senón que os temas
propostos son enfocados polo curso nas aulas. É un pretexto para intercambiar información. A implicación coa UNESCO e a propia traxectoria do proxecto levaron a adoptar nas seguintes edicións o tema “O Patrimonio Oral Inmaterial”. Busca coñecer manifestacións culturais propias da rexión galego-portuguesa.

Na IX xornada “Ponte...nas Ondas”, sensibilizada co desastre do Prestige, aborda a “Cultura Marítima”. Na última X edición, o lema foi “Patrimonio Vivo”: a idea é achegar o patrimonio oral máis próximo ás escolas. Ó longo do curso, os alumnos levan a xente maior a contar historias, a falar de oficios tradicionais como a canteiría, de festas como os curros... os traballos plásmanos logo no programa radiofónico.

“Ponte...nas ondas” vén de propoñer aos gobernos español e portugués que presenten diante da UNESCO a candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-
Portugués para ser recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial. A candidatura concrétase no concepto de Ciclo Agrario e da Natureza. A razón de fondo está na base agrícola e mariñeira da sociedade galegoportuguesa, e abrangue tódalas manifestacións mitolóxicas, festivas, artesanais, orais e musicais asociadas aos ciclos naturais.

Soporte e colaboracións

En canto ás xornadas de radio como a que celebraron onte, o soporte técnico implica amais dos centros escolares a emisoras locais que ceden a súa frecuencia como son Radio Tui ou, en Vigo, Radio Ecca. A Radio Galega está participando tamén dende 2002 prestando equipos e persoal, e mesmo facendo conexións coa xornada interescolar.

Por outra banda a compañía Telefonica fixo un importante esforzo na infraestructura, instalando liñas telefónicas, ADSL e RDSI especiais para o día das emisións. Outra entidade participante é a Universidade de Vigo, que permite retransmitir por Internet a traverso da súa propia rede IRIS.
A organización do “Forum 2004” de Barcelona recoñeceu hai pouco á Asociación Cultural e Educativa “Ponte...nas ondas” como unha entidade adherida.

Cronoloxía


Publicado orixinalmente en EL SÁBADO (FV), 8 de maio de 2004